Thursday 02 de May de 2024

O DOG publica os prezos e as bases que rexerán as indemnizacións pola destrución das patacas nas zonas infestadas pola couza guatemalteca


O Diario Oficial de Galicia deste martes 26 de abril publica oficialmente as bases polas que se rexerá a concesión de indemnizacións por causa da couza guatemalteca da pataca. A orde de Medio Rural establece un prezo de 40 céntimos por quilo de pataca da semente que quedase sen plantar, de 30 céntimos para a de consumo sobrante da colleita do ano pasado e de 40 céntimos por cada metro cadrado de plantación feita antes do 5 de marzo, data en que entrou en vigor a prohibición de botar patacas nas zonas declaradas como infestadas. Estas axudas poderán solicitarse até o 30 de setembro deste ano. No tocante ao programa de retirada dos tubérculos, de momento non hai novidades. A Xunta aínda non comezou coa recollida domiciliaria nin tampouco informou publicamente sobre as datas de inicio previstas. Os únicos pasos coñecidos neste sentido foron o de facilitar sacos para repartir entre a veciñanza -dispoñibles na Casa da Cultura- e o de trasladarlle ao Concello un modelo de carta informativa que a Xunta ten intención de enviar proximamente a todas as casas.

Na carta cóntase que será a empresa pública SEAGA quen recollerá todas as patacas almacenadas, tanto as da colleita do ano pasado como as de semente, e tamén aquelas de cedo plantadas antes da prohibición. De todas elas farase cargo a Xunta, aínda que é responsabilidade de cadaquén ensacalas e arrincalas cando Medio Rural diga como e cando facelo.

Sobre o protocolo sábese que a administración autonómica quere ir de sur a norte da zona demarcada. É dicir, avanzando concello por concello, parroquia por parroquia e lugar por lugar de forma ordenada. Chegado ese momento, as patacas deberán estar gardadas nos sacos de plástico facilitados pola Xunta (ou nos orixinais, se non se abriron aínda), que deberán deixarse abertos para que sexan os servizos oficiais quen os precinten no momento da recollida.

Tamén se sabe que os distintos tipos de pataca -semente sen plantar, pataca vella do ano pasado e pataca nova arrincada- deben ir en sacos separados, posto que as indemnizacións publicadas este mércores no DOG tamén serán distintas:

a 0,70€/kg. a pataca de semente que non se plantara por culpa da prohibición. No intre en que pasen os servizos oficiais emitirán un certificado de cantidade entregada, e posteriormente destruída, segundo o cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.

a 0,30€/kg.a pataca de consumo que sobrase das plantacións de 2016. Igual que no caso anterior serán os servizos oficiais quen certifiquen a cantidade retirada.

e a 0,40€/m² de leira plantada antes da entrada en vigor da prohibición e sempre que se declarase previamente a superficie sementada, tal e como recollía a resolución autonómica que obrigaba a facer esa declaración antes do 31 de marzo.

Segundo a orde de Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia do 26 de abril, estas compensacións haberá que solicitalas nun impreso específico da Xunta (o MR465A) e haberá de prazo ata o 30 de setembro para facer a solicitude. Iso si, a orde de Medio Rural non aclara canto tardará en resolver as solicitudes nin tampouco -e aí vai algo que se debe ter en conta- se o cobro da indemnización pode ter repercusións con respecto ao IRPF. Isto último é algo que se debe mirar ben e consultalo, non vaia ser que por cobrar 25 quilos de pataca da semente -uns 17,5€- o ano que vén e por termos este ano máis dun pagador teñamos que facer unha declaración da renda que noutras circunstancias non teriamos a obriga de facer.

Por último cómpre sinalar que para a retirada da pataca o persoal da Xunta irá debidamente identificado e en vehículos oficiais rotulados. Medio Rural informa de que as datas e horas aproximadas ás que pasarán por cada parroquia se anunciarán mediante carteis informativos dispostos en lugares públicos.

Dentro da campaña informativa que ten previsto desenvolver proximamente, a consellaría tamén enviará aos domicilios un folleto coas coas medidas para a erradicación da praga. É moi escueto en cada punto pero abondoso en recomendacións e obrigas, que transcribimos íntegras:

En plantacións:

Está prohibido o cultivo de patacas desde o 5 de marzo de 2017
Hai que desenterrar todas as plantacións existentes e os rebrotes de anos anteriores (o folleto non o di, pero non será a Xunta quen arrinque, senón que deberán ser os propietarios e propietarias das plantacións)
Aplicar un tratamento fitosanitario nas parcelas cultivadas da campaña anterior
En almacéns particulares:

As patacas existentes, tanto de consumo como de semente, deberán ser entregadas aos servizos oficiais para a súa destrución
Limpeza e desinfección do almacén e instalación dunha trampa con feromona
Destrución de sacos e caixas que estiveran en contacto coas patacas contaminadas ou na mesma estancia
Recoméndase non acumular grandes cantidades de pataca
En almacéns comerciais:

Colocación de mallas tupidas cun mínimo de 6×6 fíos/cm² en ocos e ventás e instalación dun sistema eficaz en portas que evite a entrada de Tecia
Limpeza e desinfección do almacén
Prohibición de almacenamento e comercialización de patacas producidas dentro das zonas infestadas
Instalación de trampas con feromona sexual específica para a captura de Tecia
Rexistro de entradas e saídas de patacas do almacén, da súa orixe e destino
Prohibición de venda de pataca de semente mentres non se levante oficialmente a prohibición de cultivo
Para todos os demais establecementos de venda, feiras e mercados:

Venda de patacas para o consumo directo, preparadas e envasadas para o consumidor final
Prohibición da comercialización de patacas a granel
Prohibición de venda de patacas producidas dentro das zonas infestadas
Control de movementos de pataca:

Prohibición do movemento de patacas procedentes das zonas infestadas
A entrada de pataca de consumo será só preparada e envasada para o consumo directo
Entradas e saídas dos almacéns en vehículos protexidos fisicamente para evitar a contaminación
As rutas de reparto de patacas aos almacéns e establecementos de venda situados nas zonas infestadas será tal que o vehículo empregado saia baleiro desas zonas
Os vehículos de transporte sairán limpos e sen terra residual, de tal xeito que se garanta que a praga non se poida establecer nin propagar fóra das zonas infestadas
Evitarase o tránsito no transporte de patacas de consumo con entrada e saída dunha zona infestada e, de ser o caso, empregarase un vehículo protexido fisicamente para evitar a contaminación.